Novos letrados incorpóranse ao Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense

O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense celebrou este venres un dos eventos máis emblemáticos do seu calendario: a xura dos novos avogados e avogadas que se incorporan á institución. Nove profesionais formalizaron o seu ingreso nun acto cheo de simbolismo, acompañados por familiares, amizades e polos padriños ou madriñas encargados de lles impor a toga, emblema da súa nova etapa profesional.

A decana, Marta Gómez, foi a encargada de recibilos. Na súa intervención, animounos a exercer a profesión con “rigurosidade, paixón e sentido ético”, e lembrou que a avogacía supón un compromiso profundo coa sociedade. “A partir de hoxe, haberá persoas que confiarán en vós en situacións que lles xerarán preocupación ou angustia. Ese voto de confianza é a base do noso traballo”, expresou.

O legado da experiencia: a intervención de Nemesio Barxa

Un dos momentos máis destacados da xornada chegou da man de Nemesio Barxa, referente histórico da avogacía galega e colexiado número 30 de Ourense. Con 90 anos e máis de seis décadas de exercicio, Barxa compartiu cos recén incorporados unha reflexión chea de humor, afecto e realismo.

“Entre nós, a lealdade é esencial”, sinalou. Tamén lembrou que os inicios poden ser duros, pero que a profesión permite vivir con dignidade e gozar do respecto social. Co seu característico enxeño, lanzou unha crítica á precariedade das pensións e reivindicou melloras para a quenda de oficio.

Ademais, aconsellou aos novos avogados estudar en profundidade o dereito procesual e actuar sempre guiados pola vocación: “Non collades atallos. Se sentides a profesión, gozaredes resolvendo os problemas das persoas”.

A importancia de acompañarse entre compañeiros

A presidenta da Agrupación da Avogacía Nova de Ourense, Lucía Álvarez, dirixiu tamén unhas palabras aos recén colexiados. Subliñou que a avogacía é, ante todo, un servizo social e recalcou a necesidade de apoiarse nos compañeiros: “Non vos vexades como competencia. Ser bos compañeiros fará que a vosa carreira sexa moito máis doada”. Lembrou, ademais, que a Agrupación ofrece formación, asesoramento e un espazo de apoio para quen comeza.

Os novos colexiados —Carmen María Carballo Caamaño, Sonia Díaz Diz, Zobaida El Hidam Abettouy, Estefanía Fernández Rivero, Álvaro Ferreira González, Abraham Martínez Vilas, Román Pedreira Jordedo, José Manuel Rodríguez Gayoso e Clara Vázquez Maldonado— incorpóranse a un colectivo formado por 637 avogados exercentes e 712 non exercentes.

A xornada enmarcouse na celebración de San Martiño, patrón da avogacía ourensá, e concluíu cunha mensaxe da decana: “Haberá días complicados, pero non estades sós. Sempre teredes aos vosos compañeiros para vos apoiar e, por suposto, a este Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense. Esta será, desde hoxe, tamén a vosa casa”.

Tamén che pode gustar...

Publicacións populares

gl_ESGalician