A decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense, Marta Gómez, mantivo unha reunión institucional co subdelegado do Goberno na provincia, Eladio Santos, para trasladarlle a preocupación da avogacía ourensá ante dous asuntos de máxima actualidade: a implantación da pasarela ao RETA e a supresión dos xulgados de violencia de xénero en seis vilas da provincia.
Preocipación ante a perda de xulgados de violencia de xénero
Durante o encontro, Gómez expuxo o rexeitamento xeneralizado que xerou o anuncio de que, nun prazo d’ arredor de mes e medio, os xulgados de violencia de xénero de seis vilas —todas elas capitais de comarca— perderán as súas competencias en favor do Tribunal de Instancia de Ourense.
A decana subliñou ante o subdelegado que esta medida “representa un claro retroceso no acceso á xustiza no ámbito rural” e lembrou que xuristas, asociacións, entidades sociais e representantes de distintas formacións políticas xa teñen manifestado a súa oposición a esta redistribución.
Un momento clave para a avogacía: a pasrela ao RETA
Gómez aproveitou a reunión para abordar outro asunto prioritario para a profesión: a coñecida pasarela ao RETA, a reforma que afectará directamente ao sistema de cotización dos avogados e avogadas exercentes.
A decana trasladou que a avogacía “atravesa un momento clave”, no que se requiren decisións coordinadas e un respaldo institucional claro para garantir que a transición ao réxime de autónomos se realice con seguridade xurídica, transparencia e respecto á realidade económica do exercicio profesional.
Neste sentido, solicitou expresamente o apoio do subdelegado do Goberno para impulsar a interlocución co Executivo central e avanzar nun proceso “que se demorou demasiado”.
Compromiso de seguemento e colaboración
O subdelegado do Goberno amosou a súa disposición a manter unha vía de comunicación fluída co Colexio e a trasladar as inquedanzas expostas ás instancias competentes.
Ambas institucións coincidiron na necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para protexer as vítimas de violencia de xénero, garantir o acceso á xustiza en toda a provincia e acompañar á avogacía nun proceso de transformación decisivo para o futuro da profesión.
