- A Xunta de Galicia négase a aboarlles aos letrados e ás letradas calquera contraprestación polos MASC, malia seren obrigatorios, mentres se advirte ás xuntas de goberno dos colexios profesionais da avogacía de responsabilidades penais se se negan a designar letrados ou letradas para prestar estes servizos de balde.
Ourense, 26 de xaneiro de 2026. A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense denuncia publicamente a decisión da Consellería de Xustiza da Xunta de Galicia de negar o pagamento aos profesionais do Turno de Oficio pola súa intervención nos Mecanismos Alternativos de Solución de Conflitos (MASC), malia tratarse dun servizo incluído entre os cubertos polo dereito á xustiza gratuíta.
A pasada semana, a Xunta rexeitou a xustificación e o pagamento destas actuacións, o que supón impor aos profesionais que prestan o servizo público de xustiza gratuíta e do Turno de Oficio traballar de balde. A decisión prexudica directamente ás persoas beneficiarias do servizo público, que non gozarán dos mesmos medios para acceder á xustiza que aqueles clientes con capacidade económica para asumir os custos do procedemento, e sitúa aos profesionais nunha situación de absoluta indefensión, resultando manifestamente inxusta e arbitraria, ao facer recaer sobre eles os custos dun servizo público esencial, vulnerando o principio de retribución polo traballo realizado e contradicindo a normativa que integra a asistencia letrada nos MASC dentro das prestacións cubertas polo servizo de xustiza gratuíta.
A gravidade do asunto increméntase se se ten en conta que, meses atrás, cando a Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense acordou non designar compañeiros ou compañeiras para realizar traballos non remunerados (en concreto, os referidos MASC), advertiuse de inmediato da posibilidade de imputacións penais por prevaricación administrativa.
A decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense, Marta Gómez Álvarez, móstrase taxante ao respecto: «É inasumible. A imposición do traballo gratuíto por parte da Xunta pon en serio risco o servizo público de xustiza gratuíta e a tutela xudicial efectiva. Esixir unha remuneración xusta por un traballo obrigatorio non é inmobilismo nin corporativismo: é unha cuestión elemental de legalidade, dignidade profesional e respecto ao Estado de Dereito.»
Un agravio comparativo intolerable
A decisión da Xunta sitúa a Galicia á cola do Estado na defensa da xustiza gratuíta. Mentres outras comunidades autónomas —mesmo gobernadas polo mesmo signo político— retribúen estas actuacións con contías superiores aos 300 euros, en Galicia impónsese o cero absoluto, do mesmo xeito que ocorre coas gardas, que continúan sen compensación por dispoñibilidade, desprazamentos nin cotizacións.
