A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) participará o vindeiro 4 de decembro na manifestación convocada por Marea Negra en Santiago de Compostela, ás 12:30 horas, nun día decisivo para o futuro do Turno de Oficio e para os dereitos da profesión.
A mobilización coincide coa reunión da Comisión de Orzamentos da Consellería de Xustiza, na que se abordará unha cuestión clave: a dignificación do baremo do Turno de Oficio. A decisión que saia desa reunión marcará o rumbo das condicións laborais de milleiros de avogados e avogadas galegas.
Ao longo da xornada, representantes do ICA Ourense —xunto a profesionais de toda Galicia— serán recibidos por portavoces do PSOE e do BNG, aos que lles trasladarán de maneira directa as reivindicacións urxentes do sector.
A protesta incorporará tamén unha mensaxe de alcance estatal: a exixencia de aprobar a pasarela 1×1 ao RETA, unha demanda histórica para garantir que ningún profesional quede excluído á hora de acceder a unha xubilación xusta e digna. O xa emblemático tifo xigante da pasarela 1×1 estará presente na concentración, simbolizando a unidade dos colexios profesionais nesta reivindicación.
Desde o ICA Ourense subliñan a importancia da participación masiva: “Non vale quedar na casa. Non vale queixarse despois. Xogámonos o noso traballo, os nosos dereitos e o noso futuro”.
A convocatoria é clara: o 4 de decembro, todas e todos diante do Parlamento galego para defender a dignidade da avogacía e o futuro do Turno de Oficio.
