A decana do Colexio de Avogados de Ourense, Marta Gómez, mantivo esta mañá unha reunión institucional con representantes da asociación Mirada Mulleres Maiores de 60 anos, encabezadas pola súa presidenta, María Antonia Rilo.
Durante o encontro, a asociación presentou os proxectos que está a desenvolver para promover o benestar e a visibilidade das mulleres maiores. Ambas as partes coincidiron na importancia de impulsar iniciativas que reforcen a defensa xurídica e social dos dereitos das persoas maiores, especialmente en áreas como a igualdade, o acceso á xustiza e a protección ante situacións de vulnerabilidade.
O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense valora moi positivamente este diálogo, que abre a porta a futuras colaboracións centradas na promoción activa dos dereitos e a dignidade deste colectivo.
