O Teatro Principal acolleu unha emotiva homenaxe aos avogados e avogadas que cumpren 25 anos e máis de catro décadas de exercicio profesional. A evolución da presenza feminina na profesión e os avances pendentes na pasarela ao RETA protagonizaron algúns dos momentos máis destacados do acto.
Ourense, 15 de novembro de 2026. O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) celebrou o pasado venres, 13 de novembro, o acto institucional de San Martiño, patrón da avogacía ourensá, cunha emotiva homenaxe aos profesionais que cumpren 25 anos de exercicio e a aqueles que superan as catro décadas de traxectoria dedicadas á defensa dos dereitos da cidadanía.
O Teatro Principal de Ourense acolleu unha cerimonia que reuniu representantes da avogacía, autoridades xudiciais e institucionais, familiares e compañeiros e compañeiras de profesión para recoñecer a dedicación de quen contribuíu, durante décadas, ao desenvolvemento e prestixio da avogacía ourensá.
O acto, presentado polo actor Sergio Pazos, contou coas intervencións da vicedecana do ICA Ourense, Margarita Caneiro; da fiscal xefa de Galicia, Carmen Eiró; e da presidenta da Audiencia Provincial de Ourense, María del Carmen Blanco Arce, en representación do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As mulleres, protagonistas da transformación da avogacía
Un dos momentos máis significativos da celebración estivo dedicado a recoñecer a evolución da presenza feminina na profesión e o camiño percorrido polas primeiras mulleres que exerceron a avogacía en Ourense.
Durante a cerimonia lembrouse que, antes de 1967, non había mulleres avogadas en Ourense, unha realidade que contrasta coa situación actual, na que representan máis da metade das persoas colexiadas.
Especialmente emotiva foi a intervención de Isabel Vicente Santos, con 48 anos de traxectoria profesional, que lembrou as dificultades ás que tiveron que enfrontarse as mulleres para abrirse camiño no ámbito da xustiza.

Vicente evocou os seus primeiros anos de exercicio, cando a presenza feminina nos xulgados e despachos era practicamente inexistente, e compartiu algunhas das situacións de discriminación que viviu nunha profesión tradicionalmente masculina
O seu testemuño permitiu poñer en valor o esforzo das pioneiras que contribuíron a transformar a avogacía e a abrirlles as portas ás xeracións posteriores.
A experiencia como un dos grandes valores da profesión
A cerimonia tamén deixou espazo para reflexionar sobre o valor da experiencia e o compromiso coa xustiza.
Miguel Ángel González Trigás, exdecano do ICA Ourense e con 49 anos de exercicio profesional, reivindicou a importancia de recoñecer a contribución dos avogados e avogadas veteranos, especialmente nunha sociedade na que a idade pode converterse nun motivo de discriminación.
Durante a súa intervención, defendeu o carácter tolerante e liberal dunha profesión orientada á procura da concordia e lembrou o papel imprescindible da avogacía no funcionamento da xustiza.
A súa reflexión puxo de manifesto que as décadas de exercicio non só representan anos de traballo, senón tamén coñecemento, experiencia e unha valiosa contribución á defensa dos dereitos e das liberdades.
A pasarela ao RETA: un avance importante, pero aínda insuficiente
A celebración de San Martiño estivo marcada tamén por unha das principais reivindicacións da avogacía: a necesidade de garantir unhas condicións de xubilación dignas para todos os profesionais.
Francisco Rabanal Carbajo, maxistrado da orde social, foi o encargado de pechar as intervencións cunha reflexión sobre a pasarela ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), unha reivindicación histórica dos avogados e avogadas adscritos ás mutualidades profesionais.
A súa intervención centrouse nos avances lexislativos acadados e nas cuestións que aínda deben resolverse para que a pasarela poida ofrecer unha solución efectiva aos profesionais afectados.

A celebración tivo lugar nun momento especialmente importante para a avogacía, tras os avances conseguidos nesta materia grazas a anos de mobilización e reivindicación colectiva.
Desde o ICA Ourense mantense o compromiso de seguir traballando para que estes avances se traduzan en solucións reais e para que ningún profesional vexa comprometida a súa xubilación despois de toda unha vida dedicada ao exercicio da avogacía.
Un recoñecemento a toda unha vida adicada á xustiza
Un dos momentos centrais do acto foi a entrega de medallas, diplomas e recoñecementos aos avogados e avogadas que cumpren 25 anos de exercicio profesional e a aqueles que acumulan máis de catro décadas de traxectoria.
A homenaxe permitiu recoñecer non só os anos de dedicación, senón tamén o traballo, a responsabilidade e o compromiso de distintas xeracións que contribuíron a construír a historia da avogacía ourensá.

A cerimonia tivo un carácter especialmente emotivo para os homenaxeados e as súas familias, que compartiron unha celebración concibida como expresión do recoñecemento e agradecemento de toda a corporación colexial.
Un Colexio comprometido co futura da profesión
A festividade de San Martiño volveu converterse nun punto de encontro entre xeracións de profesionais, desde quen comeza a súa traxectoria ata quen leva máis de catro décadas defendendo os dereitos da cidadanía.
A xornada comezara pola mañá na sede colexial coa xura de cinco novos avogados e avogadas, unha cerimonia que simbolizou a remuda xeracional e a continuidade dos valores da profesión.
O acto institucional celebrado pola tarde no Teatro Principal concluíu coa actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense, que puxo o broche final a unha xornada de recoñecemento, compañeirismo e reivindicación profesional.
Con esta celebración, o ICA Ourense reafirma o seu compromiso coa defensa da avogacía, co recoñecemento a quen dedicou a súa vida ao seu exercicio e coa necesidade de seguir traballando por unha profesión digna, independente e esencial para garantir o acceso á xustiza.

