Karina Dorch, Jorge Espinosa, Blanca Fernández, Rosario Huidobro e Meritxell Miró protagonizaron o acto de xura celebrado na sede colexial, nunha xornada marcada pola emoción, a vocación e o compromiso coa profesión.
Ourense, 13 de novembro de 2026. O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) celebrou a festividade do seu patrón, San Martiño, coa incorporación de cinco novos profesionais á avogacía ourensá.
O acto de xura, celebrado na sede colexial, reuniu os novos letrados e letradas, os seus padriños e madriñas, familiares e representantes da Xunta de Goberno, nunha cerimonia especialmente significativa para quen comeza unha nova etapa profesional.
Karina Dorch Ávila, Jorge Espinosa Mira, Blanca Fernández Iglesias, Rosario Huidobro Fernández e Meritxell Miró Calahorra recibiron as súas togas e formalizaron o seu compromiso co exercicio da avogacía.
Cinco traxectorias persoais diferentes, pero unidas por unha mesma vocación: a defensa dos dereitos da cidadanía e o compromiso coa xustiza.

O Colexio, unha casa na que atopar apoio e amparo
Durante a súa intervención, a vicedecana do ICA Ourense, Margarita Caneiro, deu a benvida aos novos profesionais e trasladoulles unha mensaxe de proximidade, apoio e compromiso por parte de toda a institución colexial.
Caneiro lembroulles que, ao longo da súa traxectoria, poderán contar sempre co Colexio e cos seus compañeiros e compañeiras de profesión, tanto nos momentos de satisfacción como ante as dificultades que poidan xurdir no exercicio da avogacía.
A vicedecana convidounos a sentir o Colexio como a súa propia casa, un lugar ao que acudir sempre que o necesiten e no que atopar apoio, orientación e amparo profesional. Insistiu en que formar parte da avogacía ourensá significa tamén integrarse nunha comunidade de profesionais na que o compañeirismo, a solidariedade e a defensa da profesión deben estar sempre presentes.
Caneiro lembrou tamén os desafíos aos que se enfronta actualmente a avogacía, especialmente os derivados da transformación dixital e da irrupción da intelixencia artificial.
Neste contexto, reivindicou o valor humano da profesión, subliñando a importancia da empatía, do criterio ético, da independencia e da responsabilidade na defensa dos dereitos da cidadanía.
Cinco historias de vocación superación
Entre as novas incorporacións atópase Karina Dorch Ávila, que conseguiu cumprir a súa vocación de exercer a avogacía despois de compaxinar os seus estudos universitarios co traballo e a crianza dos seus fillos.
Tamén Jorge Espinosa Mira, que decidiu reorientar a súa traxectoria profesional tras a pandemia e comezar os estudos de Dereito, demostrando que nunca é tarde para emprender un novo camiño.
No caso de Rosario Huidobro Fernández, a vinculación coa profesión vén de familia. O seu pai, o avogado Marcos Huidobro, foi o encargado de impoñerlle a toga durante a cerimonia.
Completaron as novas incorporacións Blanca Fernández Iglesias e Meritxell Miró Calahorra, que tamén recibiron o apoio e as palabras de recoñecemento dos seus respectivos padriños.
Unha profesión con futuro e novos desafíos
A xornada de San Martiño puxo de manifesto a importancia da remuda xeracional e de transmitir a quen se incorpora á avogacía os principios que definiron historicamente a profesión.
Desde o ICA Ourense queremos trasladar os nosos parabéns aos cinco novos colexiados e colexiadas e desexarlles unha traxectoria profesional chea de aprendizaxes, compromiso e satisfaccións.
A súa incorporación representa a continuidade dunha profesión esencial para a defensa dos dereitos, das liberdades e do Estado de dereito.
A celebración de San Martiño continuou pola tarde no Teatro Principal de Ourense coa homenaxe aos avogados e avogadas que cumpren 25 anos e máis de catro décadas de exercicio profesional, un recoñecemento á súa dedicación e contribución á avogacía ourensá.
