O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) celebrará este venres, 13 de novembro, a festividade do seu patrón, San Martiño, cunha xornada de actos institucionais que terá como momento central a homenaxe aos avogados e avogadas que cumpren 25 e máis de 40 anos de exercicio profesional.
A programación comezará ás 12:30 horas na sede colexial, coa celebración do acto de xura dos novos colexiados e colexiadas.
Pola tarde, ás 18:30 horas, o Teatro Principal de Ourense acollerá o acto institucional, que reunirá representantes da avogacía, autoridades xudiciais e institucionais e membros da corporación colexial.
A cerimonia, presentada polo actor Sergio Pazos, contará coas intervencións da vicedecana do ICA Ourense, Margarita Caneiro; da fiscala xefa de Galicia, Carmen Eiró; e da presidenta da Audiencia Provincial de Ourense, María del Carmen Blanco Arce, que intervirá en representación do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Un dos momentos máis destacados será a entrega de medallas e recoñecementos aos profesionais que cumpren 25 anos de exercicio e a aqueles que superan as catro décadas de traxectoria na avogacía. O acto incluirá tamén as intervencións de representantes dos letrados e letradas homenaxeados.
A celebración contará, ademais, coa intervención de Francisco Rabanal Carbajo, maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que fará unha reflexión sobre os avances acadados coa aprobación da pasarela ao RETA e sobre o moito que queda por conseguir para dignificar a profesión.
O acto rematará coa actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense.
