Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense

O ICA Ourense conmemora o Día Internacional das Persoas de Idade cunha xornada sobre planificación vital e xurídica

Con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade, o Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense, en colaboración coa Asociación Mulleres +60, organizou unha xornada aberta á cidadanía na que se abordaron as claves xurídicas e sanitarias para afrontar a vellez e posibles situacións de dependencia con maior seguridade.

O acto foi presentado por Victoria Diéguez, membro da Xunta de Goberno do ICA Ourense, e por María Antonia Rilo, presidenta da Asociación Mulleres +60.

Ponencias

A notaria Isabel Louro centrou a súa intervención na importancia das medidas voluntarias de apoio para o exercicio da capacidade, lembrando que, desde a Convención de Nova York de 2006 e, especialmente, tras a Lei 8/2021, calquera persoa pode establecer con antelación e conforme aos seus desexos as medidas de control e protección que considere necesarias. Estas medidas, explicou, serán preferentes fronte ás que poida ditar unha autoridade xudicial.

Pola súa banda, María Xosé Vázquez, traballadora social, abordou desde a perspectiva sanitaria o valor do documento de instrucións previas ou testamento vital, que permite ás persoas decidir con antelación sobre as súas preferencias en materia de saúde e tratamentos médicos.

Clausura

A xornada foi clausurada pola decana do ICA Ourense, Marta Gómez, quen subliñou que “coidar das nosas persoas maiores é coidar da nosa propia sociedade. Sen elas, sen o seu esforzo, sen os seus anos de traballo e entrega, hoxe non estariamos aquí”.

Na súa intervención, a decana salientou a obriga da avogacía de defender os dereitos das persoas maiores en todos os ámbitos da vida e reclamou pensións dignas para a profesión:

“Non falamos de privilexios, falamos de xustiza. Seguimos reclamando a pasarela 1×1 ao RETA, para que cada ano cotizado compute con equidade e quen dedicou toda unha vida á avogacía poida xubilarse sen medo á precariedade”.

Así mesmo, lanzou unha dobre chamada: á sociedade, para non darlle as costas ás persoas maiores, e ás autoridades, para dar unha resposta inmediata ás reivindicacións en materia de pensións dignas.

Apoios institucionais

O acto contou tamén coa presenza e participación da Deputada Provincial de Igualdade, María Teresa Barge, e do director territorial de Política Social e Igualdade, Santiago Álvarez, quen resaltaron a necesidade de continuar impulsando políticas que reforcen a protección social e o recoñecemento do valor das persoas maiores

Recoñecemento á colaboración

Finalmente, o ICA Ourense agradeceu de forma especial a colaboración da Asociación Mulleres +60, así como a implicación das poñentes e asistentes. “Defender ás nosas persoas maiores é defendérmonos a nós mesmos. A vellez debe ser unha etapa protexida, digna e respectada”, concluíu a decana.

Dossier de prensa

Tamén che pode gustar...

Publicacións populares

gl_ESGalician