Exposición de Motivos
A presente proposta ten por obxecto articular un protocolo de funcionamento para a prestación de asistencia letrada en asuntos de violencia de xénero, ante a comarcalización das competencias xudiciais nesta materia na provincia de Ourense, cuxa entrada en vigor está prevista para o 1 de xaneiro.
Sen prexuízo das accións que esta institución colexial se reserva para promover a reversión da devandita medida, e co obxecto de garantir a continuidade e efectividade do servizo de asistencia letrada ás vítimas e ás persoas denunciadas, elévase esta proposta. A mesma foi elaborada tras as deliberacións mantidas na Comisión Provincial de Coordinación de Violencia sobre a Muller, tendo en conta a organización actual do turno de oficio e o sistema de designación territorial vixente, co fin de adoptar a solución máis garantista e menos prexudicial para todas as partes.
En virtude do exposto, proponse o seguinte protocolo de actuación:
PRIMEIRO. Obxecto e Ámbito de Aplicación
O presente protocolo ten por obxecto regular a prestación da asistencia letrada nos procedementos de violencia de xénero para garantir unha defensa e unha asistencia efectivas tras a centralización de competencias.
As súas disposicións serán de aplicación tanto aos letrados e letradas adscritos ao turno de oficio como aos de designación particular.
SEGUNDO. Réxime de actuación en horario de 9:00 a 14:00 horas
(Competencia da Sección de Violencia sobre a Muller de Ourense)
- Procedementos do partido xudicial de Ourense
A designación de letrado/a para a vítima e a persoa denunciada realizarase entre os profesionais adscritos á quenda de oficio do devandito partido xudicial. - Procedementos do resto dos partidos xudiciais
a) A designación de letrado/a para a vítima e a persoa denunciada efectuarase entre os profesionais do turno de oficio do partido xudicial de orixe, quen prestarán asistencia presencial nas dilixencias iniciais.
b) As actuacións posteriores ante a Sección de Violencia sobre a Muller de Ourense realizaranse, con carácter xeral, por videoconferencia desde a sede do xulgado de orixe.
c) Excepcionalmente, se a vítima solicita expresamente comparecer de forma presencial ante a Sección de Violencia sobre a Muller de Ourense, o/a profesional da avogacía designado/a desprazarase xunto con ela. Para tal efecto, utilizarase o servizo de transporte facilitado en virtude do convenio subscrito pola Xunta de Galicia, cubrindo tanto o traxecto de ida como o de volta.
TERCEIRO. Réxime de actuación fóra do horario de audiencia
(Xulgados de Instrución en funcións de garda)
- Durante o horario comprendido entre as 14:00 horas e as 9:00 horas do día seguinte, así como nas fins de semana e días festivos, a competencia recaerá nos Xulgados de Instrución en funcións de garda.
- Nestes casos, a designación de letrado/a realizarase entre os profesionais do turno de oficio do partido xudicial de orixe, garantindo a asistencia presencial á vítima e á persoa denunciada na forma habitual.
- Unha vez que o Xulgado de Instrución se inhiba a favor da Sección de Violencia sobre a Muller de Ourense, facilitarase que as actuacións posteriores se realicen por medios telemáticos para os/as letrados/as.
Cuarto. Asistencia a Personas Detidas
Os centros de detención habilitarán os medios necesarios para facilitar a comunicación por videoconferencia entre a persoa detida e o seu/súa letrado/a durante o período de custodia, sempre que así o solicite calquera deles, co fin de garantir o dereito de defensa.
