Segundo o Ministerio de Igualdade, na data actual son 38 as mulleres asasinadas vítimas da violencia de xénero, 1333 desde o ano 2003. Estes asasinatos son outro signo máis da violencia que sofren as mulleres. A violencia é a estratexia de dominación máis antiga que existe e a máis versátil pola súa capacidade para adaptarse aos cambios sociais, de modo que, ás veces, se manifesta incluso como un modo de emancipación das mulleres, como ocorre no caso da prostitución, que xunto coa pornografía, hoxe en día, se están a converter nos mecanismos cos que iniciarse nas relacións sexuais os adolescentes varóns, constituíndose así como outros contextos de violencia sobre as mulleres.
Os datos sobre agresións sexuais cometidas por grupos de homes contra mulleres, ao estilo da “manada”, non deixan de sorprendernos; que un de cada catro nenos se inicie no consumo de pornografía antes dos 13 anos, chegando incluso aos 8 anos, permítenos comprender e entender como é posible que algunha plataforma de venda en liña poña á venda unha boneca inchable con aspecto de nena e que esta teña unha grande acollida, e que as prácticas sexuais, por chamalas dalgunha maneira, nas que alguén compra ou expón as mulleres como elementos pasivos e manipulables e manipulados, transcenden máis aló das paredes dun lugar pechado ou privado cara á percepción que unha sociedade ten sobre as mulleres. Todo isto nun momento no que as redes sociais se converteron no modo máis común de socialización e formación para as xeracións máis novas.
Segundo un estudo do Hospital Vall d’Hebron do ano 2023, o 87% dos/as menores atendidos/as como vítimas de agresión sexual eran nenas de entre 8 e 12 anos, e os seus agresores eran, no 85% dos casos, persoas da súa contorna.
Segundo outra investigación realizada sobre adolescentes, moitos afirmaron ter mantido prácticas violentas nas súas relacións sexuais despois de ver pornografía.
No ano 2019 fíxose viral un vídeo porno no que se escenificaba unha violación en grupo con elementos dunha intensa violencia.
Por iso, desde o Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense non queremos deixar pasar este día sen chamar a atención sobre estas outras formas de violencia, que hoxe atopan nas redes e noutras plataformas dixitais contornos efectivos e seguros para lexitimar as súas dinámicas ante os ollos de quen aínda está a formarse, os nosos nenos e nenas, que aínda non teñen ferramentas coas que cuestionar o que ven.
Xunta de Goberno
Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense
