O Xulgado do Social número 1 de Ourense conclúe que non existe trato discriminatorio cara aos traballadores e ás traballadoras e que as medidas adoptadas polo Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense non supoñen ningunha vulneración substancial das súas condicións laborais.
A Xunta de Goberno manifesta o seu máximo respecto polas decisións xudiciais e reafirma o seu compromiso co estrito cumprimento da normativa laboral e coa protección dos dereitos de todos e de todas, e asegura que «con todas as persoas traballadoras da institución se mantén un trato profesional e correcto».
No procedemento no que se reclamaba pola modificación substancial das condicións de traballo e pola supresión dun complemento salarial, a sentenza confirma que non existe ningunha modificación substancial das condicións laborais nin a eliminación dunha condición máis beneficiosa consolidada, ratificando así a correcta actuación do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense neste asunto.
Noutro litixio, relativo á impugnación dunha sanción disciplinaria, a sentenza estimou a demanda, declarando a nulidade da sanción de suspensión de emprego e soldo. A fundamentación da nulidade reside na infracción do principio de legalidade, ao considerar o xulgador que «aínda cando se consideran certos os feitos que puidesen deducirse do expediente informativo previo», a única sanción legalmente aplicable, dada a súa gravidade, era o despedimento disciplinario. Segundo o fallo, a imposición dunha sanción inferior —a suspensión de emprego e soldo— non se axusta á tipificación que a normativa laboral establece para incumprimentos de tal magnitude.
Neste caso, a decisión de impoñer unha sanción menor ao despedimento adoptouse en consideración á antigüidade da traballadora. O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense continúa comprometido cunha xestión rigorosa e profesional dos seus recursos humanos, garantindo en todo momento un contorno de traballo respectuoso e o cumprimento escrupuloso da lexislación vixente. «O único que se lles pide ás persoas traballadoras do Colexio é que realicen o seu traballo adecuadamente».
