O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense celebrou este venres 14 de novembro un dos actos máis emotivos e significativos do seu calendario: a homenaxe aos avogados e avogadas que alcanzan 25 anos de exercicio profesional, un recoñecemento á súa dedicación, esforzo e compromiso coa xustiza.
Este ano foron distinguidos Ana Cardero, Eva Yáñez, Marta López, Jaime Benito, Irene Rodríguez, Héctor Pereiras e os irmáns José Ricardo e José Manuel Orbán, quen recibiron unha insignia de prata e un diploma conmemorativo, símbolos do camiño percorrido durante un cuarto de século ao servizo da cidadanía.
A decana do Colexio, Marta Gómez, presidiu o acto e dedicou unhas palabras cheas de afecto e recoñecemento ás persoas homenaxeadas. Na súa intervención, destacou que cumprir 25 anos na profesión “significa mirar atrás e ver un camiño cheo de esforzo, compromiso, sacrificio e moitas satisfaccións”.
Gómez subliñou que o pin de prata entregado representa os valores esenciais da avogacía:
“Esta insignia simboliza moito máis ca o paso do tempo: representa a constancia, a ética, o respecto polo xuramento que un día fixestes e o amor por unha profesión que non sempre é fácil, pero que sempre paga a pena.”
A decana aproveitou tamén para apelar á unidade do colectivo: “Traballemos xuntos, desde a empatía e o respecto, para que este Colexio siga sendo a casa de todos os avogados e avogadas, un espazo de encontro e de impulso para a nosa profesión.” Resaltou tamén a importancia do compromiso demostrado polos letrados homenaxeados: “Estes 25 anos son o reflexo dunha entrega constante a unha tarefa de enorme responsabilidade social. A administración de xustiza necesita profesionais comprometidos e conscientes do seu papel na protección dos dereitos fundamentais.”
Puxo en valor a súa achega ao funcionamento da xustiza ourensá: “A vosa traxectoria é un exemplo para as novas xeracións e un activo imprescindíbel para o sistema xudicial.”
O acto estivo presidido pola presidenta da Audiencia Provincial de Ourense, Dna. Ana María del Carmen Blanco Arce, quen falou en nome do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste Sueiras.

