A protesta terá lugar o 8 de maio en Madrid baixo o lema “Lexislen XA”.
Ourense, 16 de maio de 2026. A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) anuncia a súa participación na manifestación convocada en Madrid o vindeiro venres 8 de maio de 2026, en defensa da regulación da denominada pasarela ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA).
Esta mobilización, impulsada por plataformas e colectivos de afectados, prodúcese nun momento clave. Tras anos de reivindicación, desde 2023, podería estar próxima a constitución dunha ponencia no Congreso dos Deputados, un paso fundamental para a tramitación dunha norma longamente agardada. Porén, o final da lexislatura sitúa este proceso nunha situación de especial incerteza, ao poñer en risco a súa aprobación.
Baixo o lema “Lexislen XA”, a manifestación busca reclamar unha resposta urxente por parte dos poderes públicos ante unha problemática que afecta a milleiros de profesionais que cotizaron a mutualidades alternativas e que ven comprometido o seu acceso a unha xubilación digna.

Neste contexto, a Xunta de Goberno do ICA Ourense non só confirma a súa asistencia, senón que invita a todos os avogados e profesionais afectados polas mutualidades a sumarse a esta mobilización, destacando a importancia da unidade do colectivo nun momento histórico. Co fin de facilitar o traslado dos colexiados e das colexiadas a Madrid, o ICA Ourense ofrece unha axuda para desprazamento de 50 euros.
