La decana del Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense pide al Bloque Nacionalista Galego mayor implicación para solucionar la crisis de la Mutualidad y del Turno de Oficio ante la Xunta de Galicia y el Gobierno de España

Ourense, 12 de febreiro de 2026. A decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense solicitou ao Bloque Nacionalista Galego, durante un encontro celebrado esta mesma mañá nas dependencias do ICA, unha maior implicación para abordar de maneira urxente dous problemas estruturais que afectan gravemente á avogacía galega: a situación da Mutualidade e a financiación insuficiente da Quenda de Oficio por parte da Xunta de Galicia.

Quenda de Oficio: non se pode seguir traballando gratis

Desde o Colexio denúnciase que o baremo que pretende impor a Xunta resulta claramente insuficiente e non cobre o custo real do servizo público de asistencia xurídica gratuíta. “A avogacía non pode seguir sostendo con recursos propios un servizo esencial do Estado de Dereito”, sinala a decana, Marta Gómez Álvarez.

O incremento orzamentario formulado pola Administración autonómica non compensa nin o aumento constante das solicitudes nin as novas obrigas legais asumidas polos profesionais. “Ademais —explica Gómez— non se recoñecen adecuadamente as gardas nin a dispoñibilidade; mantéñense impagos estruturais dos gastos de infraestrutura; os colexios profesionais deben adiantar pagamentos con cargo ás cotas colexiais; e limítase a negociación a repartir unha contía insuficiente, sen abordar a financiación global necesaria.”

Desde o Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense recórdase que “a xustiza gratuíta é un dereito constitucional da cidadanía, non unha carga económica que deba recaer sobre os profesionais que a prestan.”

Mutualidade: 40 anos cotizados para rematar pedido axuda

En paralelo, a situación da Mutualidade da Avogacía continúa xerando unha profunda preocupación no colectivo.

“Existen compañeiros e compañeiras con máis de 40 anos de exercicio profesional e cotización que, ao chegar á xubilación, non poden gozar dunha pensión digna. Algúns vense obrigados a solicitar axudas económicas tras toda unha vida de traballo. A dignidade profesional non pode rematar en precariedade na xubilación”, subliña a decana.

O ICA Ourense insiste na necesidade de axilizar unha pasarela xusta ao RETA, garantir solucións reais para quen xa se atopa en situación de vulnerabilidade e asegurar que ningún profesional quede desprotexido tras décadas de exercicio.

Chamamento á responsabilidade política

A decana solicita ao BNG que exerza unha interlocución moito máis activa en todas aquelas institucións con representación para esixir unha dotación orzamentaria digna para a Quenda de Oficio e impulsar a pasarela ao RETA.

“A xustiza gratuíta e a protección social da avogacía non son privilexios; son garantías básicas para que o sistema funcione e para que os profesionais poidan exercer con dignidade”, sentenza a decana do ICA Ourense, desde onde se continuará defendendo os dereitos do colectivo e reclamando solucións estruturais que aseguren tanto a sustentabilidade do servizo público como a dignidade de quen o presta.

Tamén che pode gustar...

Publicacións populares

gl_ESGalician