O Colexio da Avogacía de Ourense reitera a urxencia dunha lei de Pasarela ao RETA que incorpore un mínimo de melloras irrenunciables.

Manifestación de mutualistas alternativos o 8 de mario en Madrid

Ourense, 6 de maio de 2026 – Ante a inminente manifestación do 8 de maio en Madrid, o Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) reitera a súa profunda preocupación polo estado actual da tramitación da Proposición de Lei para a pasarela ao RETA dos mutualistas alternativos.


O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense reitera o seu firme posicionamento a favor dunha reforma lexislativa que garanta a equidade e a seguridade xurídica para os profesionais mutualistas. A inminente discusión en Comisión parlamentaria esixe que o texto final reflicta un compromiso real coas demandas dun colectivo que sufriu unha prolongada e innecesaria demora.

Resulta preocupante que durante a tramitación se rexeitasen propostas de mellora que, segundo se informa, contan cun respaldo maioritario no arco parlamentario. A non incorporación destas melloras durante a fase de Ponencia, que contaban cun amplo consenso, prolonga unha situación de grave incerteza para miles de profesionais e as súas familias.

Para que a lei sexa unha solución e non un problema, é fundamental que se incorporen, antes do seu debate en Comisión, as emendas que inclúan a todos os afectados, reforcen a seguridade xurídica, corrixan imprecisións e eliminen ambigüidades. A dignidade na xubilación é un dereito fundamental que o Estado debe protexer, e a futura lei debe ser o instrumento que o garanta de forma efectiva.

Desde o ICA Ourense, facemos un chamamento á sensatez e ao diálogo construtivo para que, antes do debate en Comisión, se acade un acordo que dote ao texto lexislativo da coherencia e xustiza que o colectivo afectado demanda. Instamos aos lexisladores a escoitar aos afectados e tamén ao resto de grupos parlamentarios, e a consensuar un texto que comece a reparar a inxustiza.


A responsabilidade do Estado é garantir unha xubilación digna dentro do sistema público, e esta é a ocasión de demostralo con feitos. Instamos aos poderes públicos a actuar coa celeridade e a responsabilidade que a situación require, garantindo que o texto final sexa unha norma sólida que ofreza seguridade xurídica e repare unha inxustiza histórica para todos os afectados. A dignidade na xubilación non é un privilexio, senón un dereito fundamental que o Estado debe protexer.

Tamén che pode gustar...

Publicacións populares

gl_ESGalician