A decana do ICA Ourense, Marta Gómez, alerta na SER sobre a grave situación da mutualidade e da quenda de oficio

Ourense, 22 de setembro de 2025. – A decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense, Marta Gómez Álvarez, foi entrevistada na Cadena SER, onde sinalou que a avogacía ourensá afronta dous retos urxentes: a problemática da mutualidade e a crecente presión sobre a quenda de oficio.

En relación coas mutualidades, Gómez Álvarez lembrou que o vindeiro sábado 27 de setembro celebrarase en Madrid unha manifestación de todos os mutualistas afectados de España, non só avogados/as e procuradores/as, coincidindo coa tramitación no Congreso dos Deputados da pasarela ao RETA.

“Sentímonos enganados polos nosos, porque se nos retirou o dereito a unha prestación social na xubilación e obrigáronnos a pasar a unha especie de plan de pensións dependente das fluctuacións do mercado”, denunciou. “Unha persoa con máis de 40 anos cotizados non pode ter que conformarse cunha pensión de 300 ou 400 euros. Reclamamos unha integración real no RETA, co recoñecemento das bases e dos anos cotizados, como calquera outro traballador”, engadiu.

A decana amosou especial preocupación polos avogados/as xa xubilados/as, que perciben prestacións “insuficientes para levar unha vida digna”.

A quenda de oficio en Ourense

Outro dos temas abordados na entrevista foi o turno de oficio, que en Ourense afecta a un número importante dos/as 658 avogados/as exercentes dos case 1.400 colexiados/as cos que conta a provincia.

Aínda que a obriga legal é que todos/as os/as letrados/as o cubran, actualmente está a sosterse grazas á voluntariedade dos/das profesionais.

“A demanda de avogados/as de quenda de oficio aumentou de forma exponencial nos últimos meses, e vimos trasladando esta preocupación ás autoridades xudiciais e aos corpos e forzas de seguridade”, subliñou Gómez Álvarez.

Con estas declaracións, a decana puxo en evidencia a necesidade de garantir os dereitos sociais e profesionais da avogacía, reclamando medidas urxentes que aseguren tanto unha xubilación digna como a sustentabilidade da quenda de oficio.

Entrevista completa (minuto 10:16)

Tamén che pode gustar...

Publicacións populares

gl_ESGalician