No ano 2022, a fenda salarial situábase arredor do 17,09 %, tras ter alcanzado no ano 2012 o 23,92 %, o que supón un claro avance. Porén, no ano 2025 a fenda salarial situouse no 19,3 %, polo que comprobamos que a realidade desta diferenza de ingresos por razón do traballo se ten estancado. O salario medio dos homes é de 2.467,88 euros ao mes (segundo datos do Instituto Nacional de Estadística) e para as mulleres é de 2.063,18 euros mensuais, o que significa que os homes gañan unha media duns 5.000 euros ao ano máis ca as mulleres.
Isto tradúcese nunha maior capacidade para obter recursos cos que mellorar as condicións de vida, un maior marxe para desfrutar de espazos e produtos de lecer, maior posibilidade para mellorar a situación vital que se atravesa, etc. En definitiva, mellores condicións para incrementar a calidade de vida. E iso sen esquecer que a maternidade segue sendo un obstáculo para a vida laboral e a carreira profesional das mulleres, non tanto para os homes. E sen deixar de lado que a explotación sexual das mulleres tamén é identificada por determinados sectores como unha forma de vida laboral.
A isto engadimos que as mulleres no ámbito laboral sufrimos situacións de acoso sexual que proceden da ancestral cultura que vincula ás mulleres cunha suposta e íntima relación co sexo, non tanto pola súa lexítima capacidade para decidir e experimentar o seu desexo, senón como obxectos ou suxeitos vulnerables óptimos para o desfrute doutros. Francisco Umbral escribiu nunha ocasión que a violación era o estado natural do home (2001).
O 28 % das mulleres residentes en España que traballan manifesta ter sufrido situacións de acoso sexual no traballo. Entre as condutas máis destacadas sobresaen as miradas lascivas que provocan un claro e evidente malestar, así como as bromas ou comentarios sobre o corpo e a vida privada das compañeiras de traballo.
Cando unha muller denuncia as actuacións delituosas do seu superior no ámbito das condutas contra a liberdade sexual no entorno laboral, o primeiro que nos preguntamos é: como puido aceptar ir á casa do seu superior?, como puido aceptar unha comida persoal co seu superior? Atribuíndolle a ela a causa provocadora de toda unha relación inapropiada. Pero non nos preguntamos que lle pasaba pola cabeza a ese superior para citar a unha compañeira de traballo de rango inferior na súa casa para tratar temas de carácter profesional.
Por iso, no día 8 de marzo, no que se celebra o Día Internacional da Muller, queremos, desde o Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense, lembrar a diferente expectativa salarial que agarda a homes e mulleres e non esquecer que, para moitas, é o contexto no que, en lugar de alcanzar a dignidade grazas ao traballo, sofren a indignidade dun trato sexualizado que as converte en vítimas.
