O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou de maneira definitiva a reforma da Lei Xeral da Seguridade Social relativa ás mutualidades alternativas, unha modificación normativa de especial relevancia para milleiros de profesionais, entre eles numerosos membros da Avogacía, que cotizan a través de mutualidades como alternativa ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA).
A nova lei, que entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), permitirá ás persoas mutualistas transferir ao RETA os dereitos económicos acumulados nas súas mutualidades para convertelos en períodos de cotización na Seguridade Social. Con todo, esta posibilidade non será inmediata, xa que o Goberno disporá dun prazo máximo de tres meses para aprobar o regulamento que establecerá as condicións e o procedemento para levar a cabo esta transferencia.
Entre as principais novidades da reforma destaca tamén o reforzo das coberturas mínimas que deberán ofrecer as mutualidades alternativas, o incremento das obrigas de transparencia e supervisión, así como a equiparación progresiva das cotas coas do RETA, que deberá acadar o 100 % no ano 2028.
O Consello Xeral da Avogacía Española elaborou un informe no que analiza o texto definitivo da norma e detalla as principais implicacións desta reforma para os profesionais afectados.
Desde o Ilustre Colexio da Avogacía recoméndase ás persoas colexiadas mutualistas seguir a evolución do desenvolvemento regulamentario da lei, xa que será este o que concrete o procedemento e os requisitos necesarios para exercer o dereito de transferencia ao sistema público da Seguridade Social.
