O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense esixe dereitos para as persoas profesionais do Servizo Público de Xustiza baixo o lema: «O noso traballo, os nosos dereitos».

A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) ergue a voz para denunciar a situación de extrema precariedad e insostibilidade que atravesa o sistema encargado de garantir a defensa da cidadanía. Baixo o lema "o noso traballo, os nosos dereitos", a avogacía ourensá advirte ás Administracións e á sociedade de que a tutela xudicial efectiva non pode seguir sosténdose sobre o sacrificio persoal e económico dos e das profesionais que a fan posible.

O servizo público de xustiza —erroneamente chamado "xustiza gratuíta"— é a garantía de que ninguén quede privado do acceso á xustiza por falta de recursos económicos. Porén, esta garantía constitucional non pode seguir materializándose á custa dos dereitos de quen a sostén día a día.

A realidade de Ourense

Os datos recollidos por este Colexio evidencian unha tendencia regresiva alarmante que pon en risco a continuidade e a calidade do servizo que, con moitos máis asuntos, conta con menos profesionais da avogacía. En apenas tres anos, o número de persoas profesionais adscritas á Quenda de Oficio na provincia de Ourense caeu de 326 en 2023 a só 260 en 2026.

Esta perda de capital humano esténdese a case todas as xurisdicións, dificulta ás persoas profesionais o seu labor e reflexa o desánimo xeralizado do colectivo:

  • Xurisdición Civil: de 261 a 194 profesionais.
  • Xurisdición Penal: de 249 a 189 persoas adscritas.
  • Xurisdición Contencioso-Administrativa: de 21 a 12 profesionais.
  • Violencia de Xénero: caída de 109 a 64 profesionais, unha cifra especialmente grave que compromete a especialización e dispoñibilidade nunha materia de máxima sensibilidade social.
  • Xurisdición Social: único ámbito cun leve incremento, de 58 a 64 profesionais, insuficiente para compensar a deterioración global do sistema.

A xustiza de proximidad, en perigo

Á xa debilitada proximidade do servizo —tras a centralización na capital dos asuntos de Violencia de Xénero, decisión recorrida por esta institución— súmanse agora os efectos do descenso de profesionais, agravados pola propia configuración xeográfica da provincia.

Actualmente, a cobertura dos partidos xudiciais de Xinzo de Limia, Bande e Celanova depende case por completo da adscrición voluntaria de profesionais con sede na capital, xa que só seis persoas con domicilio en ditos partidos están adscritas á quenda de oficio penal.

Para garantir un servizo mínimo, con dispoñibilidade efectiva e evitando incompatibilidades entre persoa acusada e vítima, a provincia precisa máis de vinte profesionais de garda diarios, que non perciben retribución ningunha pola súa dispoñibilidade as 24 horas. Soster este despregamento —que esixe longos desprazamentos e dispoñibilidade permanente— resulta hoxe unha carga inasumible baixo as actuais condicións de nula compensación e ausencia de dereitos.

Reivindicacións: por un Estatuto da Quenda de Oficio

É urxente regular a relación xurídica das persoas profesionais adscritas coa Administración mediante unha norma específica que contemple as peculiaridades do servizo e os dereitos de quen o presta.

Os compañeiros e as compañeiras que pedimos a regulación das persoas profesionais adscritas ao servizo a través do recoñecemento dunha relación laboral especial non aspiramos a ser funcionarios nin funcionarias: aspiramos aos mesmos dereitos que o resto da cidadanía.

Non reclamamos subvencións nin indemnizacións graciables; reclamamos unha retribución xusta, actualizada conforme ao IPC, que cubra a totalidade das actuacións realizadas —incluídas aquelas que hoxe a Administración se nega a aboar—. É necesario, ademais, acabar coa desprotección social, integrando a quen presta este servizo no Réxime Público da Seguridade Social.

A xustiza gratuíta non é de balde: págana os avogados e as avogadas de Ourense co seu tempo, o seu patrimonio e a súa saúde. Desde o ICA Ourense instamos ás Administracións competentes a sentarse nunha mesa de negociación real e efectiva.

Mentres tanto, non podemos entender este 12 de xullo senón como unha homenaxe necesaria a quen defende os nosos dereitos e a quen lles acompañamos no seu sentir: hoxe non hai nada que celebrar.

Noso traballo, nosos dereitos

Tamén che pode gustar...

Publicacións populares

gl_ESGalician