A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (ICA Ourense) ergue a voz para denunciar a situación de extrema precariedad e insostibilidade que atravesa o sistema encargado de garantir a defensa da cidadanía. Baixo o lema "o noso traballo, os nosos dereitos", a avogacía ourensá advirte ás Administracións e á sociedade de que a tutela xudicial efectiva non pode seguir sosténdose sobre o sacrificio persoal e económico dos e das profesionais que a fan posible.
O servizo público de xustiza —erroneamente chamado "xustiza gratuíta"— é a garantía de que ninguén quede privado do acceso á xustiza por falta de recursos económicos. Porén, esta garantía constitucional non pode seguir materializándose á custa dos dereitos de quen a sostén día a día.
A realidade de Ourense
Os datos recollidos por este Colexio evidencian unha tendencia regresiva alarmante que pon en risco a continuidade e a calidade do servizo que, con moitos máis asuntos, conta con menos profesionais da avogacía. En apenas tres anos, o número de persoas profesionais adscritas á Quenda de Oficio na provincia de Ourense caeu de 326 en 2023 a só 260 en 2026.
Esta perda de capital humano esténdese a case todas as xurisdicións, dificulta ás persoas profesionais o seu labor e reflexa o desánimo xeralizado do colectivo:
- Xurisdición Civil: de 261 a 194 profesionais.
- Xurisdición Penal: de 249 a 189 persoas adscritas.
- Xurisdición Contencioso-Administrativa: de 21 a 12 profesionais.
- Violencia de Xénero: caída de 109 a 64 profesionais, unha cifra especialmente grave que compromete a especialización e dispoñibilidade nunha materia de máxima sensibilidade social.
- Xurisdición Social: único ámbito cun leve incremento, de 58 a 64 profesionais, insuficiente para compensar a deterioración global do sistema.
A xustiza de proximidad, en perigo
Á xa debilitada proximidade do servizo —tras a centralización na capital dos asuntos de Violencia de Xénero, decisión recorrida por esta institución— súmanse agora os efectos do descenso de profesionais, agravados pola propia configuración xeográfica da provincia.
Actualmente, a cobertura dos partidos xudiciais de Xinzo de Limia, Bande e Celanova depende case por completo da adscrición voluntaria de profesionais con sede na capital, xa que só seis persoas con domicilio en ditos partidos están adscritas á quenda de oficio penal.
Para garantir un servizo mínimo, con dispoñibilidade efectiva e evitando incompatibilidades entre persoa acusada e vítima, a provincia precisa máis de vinte profesionais de garda diarios, que non perciben retribución ningunha pola súa dispoñibilidade as 24 horas. Soster este despregamento —que esixe longos desprazamentos e dispoñibilidade permanente— resulta hoxe unha carga inasumible baixo as actuais condicións de nula compensación e ausencia de dereitos.
Reivindicacións: por un Estatuto da Quenda de Oficio
É urxente regular a relación xurídica das persoas profesionais adscritas coa Administración mediante unha norma específica que contemple as peculiaridades do servizo e os dereitos de quen o presta.
Os compañeiros e as compañeiras que pedimos a regulación das persoas profesionais adscritas ao servizo a través do recoñecemento dunha relación laboral especial non aspiramos a ser funcionarios nin funcionarias: aspiramos aos mesmos dereitos que o resto da cidadanía.
Non reclamamos subvencións nin indemnizacións graciables; reclamamos unha retribución xusta, actualizada conforme ao IPC, que cubra a totalidade das actuacións realizadas —incluídas aquelas que hoxe a Administración se nega a aboar—. É necesario, ademais, acabar coa desprotección social, integrando a quen presta este servizo no Réxime Público da Seguridade Social.
A xustiza gratuíta non é de balde: págana os avogados e as avogadas de Ourense co seu tempo, o seu patrimonio e a súa saúde. Desde o ICA Ourense instamos ás Administracións competentes a sentarse nunha mesa de negociación real e efectiva.
Mentres tanto, non podemos entender este 12 de xullo senón como unha homenaxe necesaria a quen defende os nosos dereitos e a quen lles acompañamos no seu sentir: hoxe non hai nada que celebrar.
Noso traballo, nosos dereitos
- A sangría de avogados na quenda de oficio pon en xaque a xustiza gratuíta en Ourense – La Voz de Galicia
- A quenda de oficio perdeu 1 de cada 5 avogados nos últimos 3 anos – La Región
- A avogacía de Ourense denuncia a «extrema precariedade» da quenda de oficio: a participación dos letrados cae un 20 % en tres anos – Faro de Vigo
