Hoxe, 15 de abril de 2026, publicouse no Boletín Oficial do Estado o Real Decreto-Lei 316/2026 que aproba a regularización extraordinaria de persoas estranxeiras en situación administrativa irregular, que marca un punto de inflexión no Dereito de Estranxeiría en España. A medida, demandada por entidades sociais, operadores xurídicos e amplos sectores económicos, inicia un procedemento excepcional con potencial impacto sobre centos de miles de persoas.
Os principios xerais da norma son:
- Poderán acollerse, con carácter xeral, aquelas persoas que acrediten a súa presenza en España antes do 1 de xaneiro de 2026.
- Esíxese unha estadía continuada mínima de cinco meses
- Será necesario carecer de antecedentes penais, tanto en España como, no seu caso, no país de orixe ou de residencia anterior.
- Non ter ningunha solicitude de residencia ou estadía en trámite (agás o arraigo presentado antes do Regulamento aprobado en 2025), nin tampouco en vigor.
- Acreditar unha das seguintes tres circunstancias: ter traballado, contar cunha oferta de traballo dun mínimo de noventa días ou presentar unha declaración responsable de traballar como autónomo; permanecer en España cunha unidade familiar.
- Procedemento específico para os solicitantes de asilo.
A autorización inicial anunciada tería unha duración dun ano, habilitando para traballar por conta allea ou propia en todo o territorio nacional desde a concesión. Posteriormente, a persoa estranxeira deberá reconducir a súa situación cara ás figuras ordinarias do Regulamento de Estranxeiría.
Máis alá do debate político, desde a perspectiva xurídica esta regularización supón para a avogacía prestar un servizo de alto valor técnico e gran transcendencia humana, constituíndo unha medida de gran calado xurídico, con importantes implicacións no sistema de estranxeiría español. O seu carácter excepcional, unido á amplitude do colectivo afectado, sitúa á avogacía nun papel clave para garantir o acceso efectivo a este proceso.
O ICA Ourense prepara unha formación sobre este novo real decreto ley
O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense está a organizar unha formación que se impartirá nos primeiros días de maio e na que se abordarán os extremos regulados no Real Decreto 316/2026 e as modificacións que supoñen no Regulamento de Estranxeiría.
