O ICA Ourense apoia a manifestación do vindeiro 17O en Madrid para reclamar avances inmediatos no desenvolvemento da pasarela ao RETA.

O Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense facilitará a asistencia dos seus colexiados e colexiadas á manifestación de mutualistas convocada para o vindeiro sábado, 17 de outubro, en Madrid, mediante axudas destinadas ao transporte.

A mobilización, convocada por colectivos de persoas afectadas polo sistema de mutualidades, ten como obxectivo reclamar avances inmediatos en relación co desenvolvemento da aprobada Pasarela ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) e defender a participación efectiva dos profesionais afectados no desenvolvemento das medidas que regulen este proceso.

A manifestación comezará ás 12:00 horas en Madrid e reunirá a profesionais da Avogacía, da Procura e doutros colectivos que veñen reclamando unha solución que garanta unha adecuada protección social e unhas condicións xustas para aquelas persoas que durante anos realizaron as súas achegas a través das mutualidades profesionais.

Entre as principais reivindicacións formuladas atópase a necesidade de manter unha interlocución directa co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, coñecer o calendario de desenvolvemento da normativa e garantir que as persoas directamente afectadas teñan participación nas decisións relacionadas coa futura Pasarela ao RETA.

Co obxectivo de favorecer a presenza da Avogacía ourensá nesta mobilización, o ICA Ourense ofrecerá axudas para sufragar os gastos de transporte dos colexiados e colexiadas que desexen desprazarse a Madrid.

As persoas interesadas en participar ou solicitar información sobre estas axudas poden dirixirse á Secretaría do Colexio: secretaria@icaourense.gal

Tamén che pode gustar...

Publicacións populares

gl_ESGalician