A Decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense, Mareta Gómez, a Vicedecana, Margarita Caneiro, e a Vogal Segunda, Concepción Gómez Pérez-Selas, mantiveron unha reunión institucional co Presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
Durante o encontro, ambas institucións abordaron a posibilidade de establecer un convenio de colaboración para a xestión e resposta xurídica en situacións de emerxencia, especialmente en contextos como os lumes forestais, que afectan de maneira recorrente á provincia.

Así mesmo, tratouse o proceso de comarcalización e o seu impacto no servizo público de xustiza, así como diversas cuestións de interese para a provincia vinculadas ao exercicio profesional da avogacía.
Por último, a representación colexial trasladoulle ao Presidente as principais reivindicacións do Turno de Oficio, subliñando a necesidade de reforzar os medios e recursos destinados a garantir un servizo esencial para a cidadanía e para a defensa dos dereitos fundamentais.
O encontro desenvolveuse nun clima de colaboración institucional, asentando as bases para futuras liñas de traballo conxunto en beneficio do colectivo profesional e de toda a cidadanía ourensá.
